miércoles, 30 de septiembre de 2009

Recopilatorio da última semana de setembro


Nunha nova visita á costa de Baiona e Oia, en compañía de Manolo Alonso, o máis salientable, unha importante entrada de Gaivota cabecinegra (Larus melanocephalus) sobre 119 exemplares (88 adultos, 6 2º inverno e 25 1º inverno) no tramo costeiro dende a Foz do río Miñor ata cabo Silleiro. A destacar o número de exemplares de 1º inverno en comparación coa zona norte da ría de Vigo (A Xunqueira – Punta Balea).


Na imaxe superior ó amigo Manolo Alonso en cabo Silleiro, Baiona, Pontevedra.


En primeiro lugar estes rexistros de dous Virapedras na zona de Punta Balea:



En Punta Balea no bando de Virapedras (Arenaria interpres) estaba este exemplar adulto marcado 0;0/0;α coa numeración 3M006174 SPAIN. Anelado en abril deste ano (2009) por Antonio Fernández Cordeiro (ANDURIÑA) na praia da Congorza.



Outro exemplar de Virapedras (Arenaria interpres) adulto, con anela metálica en tarso esquerdo con numeración 3M000482 SPAIN. Anelado en novembro do ano 2006 en Punta Balea (ANDURIÑA).


Algunhas lecturas de anelas da última semana:



1º inverno de Patiamarela (Larus michahellis) 0;α /0;V[ZCBJ]↓ repousando nun barco mexilloneiro atracado no peirao da Mosqueira, Moaña, Pontevedra (26/09). Anelada no mes de xullo en Bueu por Alberto Pastoriza Barreiro e Sol Enriquez Paredes (ANDURIÑA).



Outro 1º inverno de Gaivota Patiamarela (Larus michahellis) repousando nas rochas de Punta Balea (27/09). Estaba marcada cun antigo modelo do remite ICONA, unha anela triangular de alpaca, denominado “modelo D” (pola información que me brinda Antonio Fernández, este exemplar foi probablemente marcado nun Centro de Recuperación). A lectura foi parcial, a calidade deste modelo de anela é moi pobre, os díxitos están mal gravados, dificultando a lectura.



Este exemplar adulto de Gaivota patiamarela (Larus michahellis) tivo a mala fortuna de atoparse cun energúmeno. Teño observacións desta Patiamarela na praia da Xunqueira e en Punta Balea.



Por último na zona intermareal de Baredo (Baiona, Pontevedra) atopábase este exemplar adulto de Gaivota cabecinegra (Larus melanocephalus) 0;B[3L63]↑/0;α. É o noso primeiro rexistro desta Cabecinegra, probablemente anelada en Bélxica.

Un saúdo.