Proxecto michahellis


A Gaivota patiamarela (Larus michahellis) é unha especie abundante, que ocupa a faixa costeira, dentro da súa distribución suprapaleártica: dende o mar Negro, polo mar Mediterráneo (tanto europeo como no norte de África), Península Ibérica e Macaronesia. Antigamente a Gaivota patiamarela considerábase como unha subespecie da Gaivota arxéntea (Larus argentatus), pero foi separada polos taxónomos como unha especie diferente, con dúas subespecies: L. cachinnans michahellis e L. c. atlantis (Wink et al, 1994). Revisións máis recentes propoñen unha nova determinación específica ao comprobarse que dentro deste grupo de gaivotas de patas amarelas existen especies de diferente orixe. O novo nome específico proposto no ano 2003 é asumido polas organizacións internacionais como Larus michahellis, con tres subespecies (Jonson, 1998; Liebers et al, 2001; Yésou, 2002) En Galicia atopase a subespecie Larus michahellis lusitanius que se distribúe polo sur ata a desembocadura do río Douro, e polo norte ata o esteiro do río Bidasoa.


Durante os anos 2000 e 2001 realizáronse campañas de marcaxe de polos de gaivota patiamarela con aneis plásticos de lectura a distancia (programa de anelamento aprobado pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia). Este proxecto foi presentado por varios grupos de anelamento galegos para estudar a orixe, movementos intercoloniais e intracoloniais, dispersión, muda, etc. A marcaxe de polos realizouse nas colonias das Illas Cíes e Illas de Ons, con aneis metálicos oficiais do remite ICONA e unha anela de lectura a distancia para a identificación individual dos exemplares marcados. 


Durante o período de tempo transcorrido dende a súa marcaxe, recompilouse a información relativa ás observacións (controis) dos exemplares anelados, indicando o número de anela, a data, o lugar, as coordenadas UTM, e o observador. A base de datos está xestionada polo Grupo de Anelamento ANDURIÑA e na actualidade conta cuns 2500 rexistros, de 530 exemplares diferentes de gaivota patiamarela, marcados con aneis especiais de lectura a distancia, nas campañas de anelamento dos anos 2000 e 2001. Con estes datos realízanse os historiais vitais individuais dos exemplares estudados, obténdose unha valiosa información sobre a fenoloxía da especie, así como outros datos de relevancia, que se citaron con anterioridade.




Toda esta información resulta básica para o coñecemento e conservación da especie. Non debemos esquecer que a información cientificamente sólida é a base fundamental para calquera política de conservación e xestión efectiva. 


Ademais, dende fai dúas décadas, a gaivota patiamarela, comezou a colonizar zonas urbanas como lugar de nidificación, aumentando dende entón o número de parellas que utilizan os cascos urbanos na costa galega (incluso foron colonizados algúns cascos urbanos do interior, como é o caso de Ourense). Esta interacción coa poboación urbana civil creou unha crecente problemática social causada pola ocupación de tellados e terrazas en edificacións habitadas dos centros urbanos galegos; as molestias causadas durante o período reprodutor (entre os meses de abril e agosto) levou ás administracións locais a realizar plans de controis da especie, de diversa índole, sen ningún estudio científico que avalara as actuacións realizadas. En moitos casos, abocadas ao fracaso, co conseguinte gasto do presuposto público de forma inadecuada.


Cadro co programa de anelamento de gaivota patiamarela en Galicia (clicar)

O principal obxectivo do proxecto é incrementar o coñecemento sobre a bioloxía e a ecoloxía da gaivota patiamarela. O primeiro obxectivo é acadar información, grazas ao anelamento científico, da poboación desta gaivota establecida nas zonas urbanas, encamiñada a elaborar medidas de xestión eficaces.

De vital importancia é establecer os parámetros que determinan a dinámica de poboacións, sendo os principais: 1) Produtividade. 2) Supervivencia e recrutamento. 3) Taxas de emigración e inmigración. 4) Movementos rexionais e locais (fidelidade, fenoloxía, ocupación e distribución).

Imaxe na que se representa o historial vital da gaivota ZDM0
O segundo obxectivo centraríase no estudo dos exemplares marcados pola nosa organización nas campañas de anelamento dos anos 2000 e 2001. Despois de dez anos de estudo, moitos exemplares marcados posúen aneis plásticos gastados, o que dificulta enormemente a súa lectura correcta, ou carecen desta marca especial. Procederase á captura dos exemplares anelados nos anos 2000 e 2001 para substituír o vello anel plástico por un novo, ampliando así a posibilidade de novos avistamentos durante os próximos 10 anos, o que redundará na ampliación dos historiais vitais, así como a posibilidade de estudar outros parámetros, como son a lonxevidade e dispersión na idade adulta.

Neste contexto, estudando a fondo a información da base de datos actual, atopámonos coa carencia de observacións (controis) de exemplares no período reprodutor, condicionando enormemente a información relativa á determinación da fenoloxía da especie. O fundamental sería realizar diversas prospeccións nas colonias de cría, para acadar unha serie de obxectivos prioritarios: 1) Localizar exemplares de gaivotas marcados con aneis de lectura a distancia das campañas de anelamento dos anos 2000 e 2001, obtendo información que completen os historiais vitais destes exemplares. 2) Recadar información sobre a bioloxía reprodutiva deses exemplares marcados. 3) Obter datos sobre a abundancia e unha estima dos exemplares marcados que ocupan actualmente as colonias de nidificación das Illas Cíes e a Illa de Ons. 4) Conseguir controis de gaivotas novas, marcadas fóra das colonias dos arquipélagos das Cíes e de Ons, así como da Illa de Sálvora.


Para obter a información necesaria e poder incrementar o coñecemento sobre a gaivota patiamarela é necesario a utilización do anelamento científico, técnica de estudio da avifauna consistente na individualización de aves silvestres mediante unha anela metálica. Esta operación pasa pola captura inocua dos exemplares obxecto de estudo, o procesamento en man -toma de datos biométricos, estudio da muda, asignación de idade e sexo dos individuos, etc.- e a liberación posterior. Nalgúns casos, a posterior recaptura da ave marcada ou a recuperación final como ave morta dan a coñecer importantes aspectos da súa bioloxía, especialmente no relacionado cos seus movementos e migracións.

O anelamento científico é a ferramenta imprescindible para acadar os obxectivos indicados con anterioridade, pero para maximizar os resultados utilizaranse anelas de lectura a distancia, que son totalmente inocuas para as aves e facilitan o control da mesma sen necesidade de recapturala.


Cada exemplar de gaivota capturado neste proxecto marcarase cunha anela alfanumérica de aceiro inoxidable de entre 9 e 11 mm de diámetro, 10 mm de altura e 1 mm de grosor, suministradas pola Oficina de Especies Migratorias da Dirección General de Conservación de la Naturaleza, con remite “Ministerio de Medio Ambiente-ICONA”. Acompañando a esta anela de remite oficial, colocarase unha anela plástica verde (PVC de tres capas; verde, branco, verde) de entre 10 e 11 mm de diámetro, 35 mm de altura e 2 mm de grosor, cunha inscrición simple alfanumérica de cor branca, o que significa que mostran números ou letras grabadas, e posúen unha única inscrición que se repite ao redor da anela. A inscrición das anelas son verticais, e comezan coa letra “Z”, que identifica o programa oficial europeo de marcaxe de Gaivota patiamarela (L. michahellis) en Galicia (coa autorización do coordinador europeo Peter Rock). A seguinte letra da inscrición, “S”, identifica ó actual proxecto de marcaxe. Os dous últimos díxitos alfanuméricos identifican e individualizan ao exemplar de gaivota. A continuación móstrase unha representación das anelas plásticas anteriormente descritas (onde “X” pode ser un número ou unha letra):


A colocación da anela metálica oficial realizarase indistintamente en tarsos ou tibias, mentres que a anela plástica colocarase sempre nun dos tarsos. Ver fotografía inferior.


Dende ó comezo do programa de marcaxe desta especie, iniciado no ano 2000 por parte da nosa organización, uns 128 observadores colaboraron enviándonos os seus avistamentos de aves marcadas. Persoas que realizaron un traballo de campo de forma desinteresada e altruísta, que fai posible a elaboración de estudios científicos que incrementan o coñecemento sobre a bioloxía e a ecoloxía da gaivota patiamarela, a todos eles, o noso sincero agradecemento.

Asier Aldalur, Manolo Alonso Alonso, David Álvarez Graña, César Álvarez Laó, Clemente Álvarez Usátegui, José Antepazo, Francisco Arcos, Locus Avis S.L., Álvaro Barros, Soledad Bastos Lago, Andrés Bermejo, Luís Bermúdez, Andreas Buchheim, Juan Cabeza, Juan Carlos Cabrero Figueiro, David Calleja, Quique Carballal, María Cristina Casalderrey Cánovas, José Cedeira, Rafael Costas, Jesús Domínguez Conde, Juanma Domínguez Robledo, Camille Duponcheel, Juan Francisco Cuadrado, Frode Dalkenberg, Cosme Damián Romai Cousido, Emmanuel D`Hoore, Eneko Díez, Sol Enriquez Paredes, Paulo Faria, Luz Fernández, Pablo Fernández, Antonio Fernández Cordeiro, Antonio Fernández Marín, Gustavo Ferreiro, Manuel Figueiras, Aitor Galarza, José Gándara, Maite García, Manuel García Chorén, Paco Girón Veiga, Encarna González, José Ramón González, María Victoria González, Serafín González, Martin Gottschling, Arnold Gronert, Antonio Gutiérrez Pita, Ricard Gutiérrez, Alfredo Herrero, Jon Hidalgo, C.J. Camphuysen, C.J. De Graaf, Gilberto Jardón, Antero Lindholm, Miguel López Caeiro, Justo Lorenzo, Salvador Lustres, Susana M. Garrido, Javier Marchamalo, David Martínez Lago, Emilio Martínez Sabarís, Antonio Membrives, Jesús Menéndez, Olga Mijón, Malcolm Millais, Rubén Moreno, Jorge Mouriño, Gonzalo Mucientes, Axel Müller, Gorka Ocio, Maider Olondo, José Otero Maijón, Yolanda Ozaeta, José Luis Pacheco, Xosé Pardavila Rodríguez, Alberto Pastoriza Barreiro, Manuel Pastoriza Fernández, Ángeles Pastur Torres, Samuel Paz, Fernando Pereiras de la Cal, Antón Pérez, José Piñeiro Lemos, Manu Polo Aparisi, Amadeo Pombo Eirín, Marcos Prada, Juan José Ramos Escalado, Enrique Rego, Xabier Remirez, Simón Rial Pousa, José Carlos Río Pérez, Peter Rock, Xan Rodríguez Silvar, Francisco Javier Romai Pérez, Rafa Sainz, Sergio Sala, Luis José Salaverri Leiras, Toño Salazar, Rafael Salvadores, Tito Salvadores, Miguel Salvande, Txema Sánchez, Antonio Sandoval, Pablo Alejandro Sanmartín Santiago, Iván Sarabia, Borys Scefczyk, Luís Enrique Senra Valverde, Pablo Sierra, Porfirio Solla, David Sowter, Juan Antonio Tomé Cruz, Estación de Anillamiento de Txingudi, Xulio Valeiras, Xabier Varela Varela, Xabier Vázquez Pumariño, Ignacio Vega, Lalo Ventoso, Harry Vercruijsse, José Vidal Meilán, César Vidal Rodríguez, Rob Voesten, Stef Waasdorp, Chris Wells, Joyce Wilson, Peter York.

Exemplo de historial vital facilitado aos colaboradores no proxecto
Solicitamos a túa colaboración na procura de lecturas de Gaivotas patiamarelas aneladas, envía as túas observacións ó correo electrónico: albertopastoriza@hotmail. com


View more documents from albertopastoriza.